Cargando...

15 sindicatos de clase, 2 deles galegos emiten un manifesto de apoio ao pobo catalán polo dereito á autodeterminación e contra a represión

Centrais como as galegas CIG e CUT ou as vascas ELA e LAB apoian o documento, dado a coñecer ás portas da Diada, e no que se denuncia a “represión”do Estado español e pídese “respecto” para a “vontade do pobo catalán”.

Estamparon a súa asinatura no manifesto as galegas CIG e CUT, así como ELA, LAB, Intersindical Valenciana, Intersindical Canaria, CSC, IAC, o SAT andaluz, Colectivo Unitario de Trabajadores, ESK, CSI, a Coordinadora Obrera Sindical catalá, STEILAS e STEI.

“O 1 de outubro do ano 2017 o pobo catalán exerceu o dereito de autodeterminación que xa se iniciou hai anos. Desde as consultas populares que comezaron en 2009, pasando pola consulta do 9 de novembro de 2014 ou as 18 veces que se pediu ao Estado a posibilidade de facer un referendo. Os sindicatos asinantes estivemos a carón do pobo catalán para defender o dereito a decidir libremente o seu futuro.

Os sindicatos soberanistas cataláns impulsaron as folgas do 3 de Outubro e o 8 de Novembro, tanto para mellorar as condicións de vida da clase traballadora como para defender as súas liberdades sociais e laborais.

O aparello do Estado Español está desenvolvendo unha ofensiva represiva contra diferentes sectores do movemento para a autodeterminación de Catalunya: representantes políticos, activistas da ANC, Òmnium ou dos CDRs. Algunhas destas persoas levan practicamente un ano en prisión sen xuízo, outras no exilio. Non obstante, a represión non se acaba aquí, docentes, bombeir@s, artistas tamén son perseguidas co único obxectivo de xerar medo para así intentar aplacar o movemento para a autodeterminación de Catalunya.

O sindicalismo tamén sufriu e sofre represión cando loita, Bodalo, Alfon, Sidil, Molero e moitos outros son sindicalistas encarcerados por defender os dereitos. É por iso que sabemos que se o Estado é capaz de impor a súa represión nun lugar, séntense con máis forza para reprimir noutro, sobre todo cando se ten intensificado a complicidade ideolóxica de certa esquerda política. Se a ofensiva represiva e o recorte de dereitos se consolida en Catalunya, acabarase normalizando tamén no resto do Estado, motivo polo cal debemos defender sen fisuras o dereito á folga e o fin da persecución de quen o exerceron o pasado outono en Catalunya.

Desde os sindicatos asinantes solidarizámonos coas persoas presas, exiliadas e perseguidas, tamén coas súas familias, seres queridos e compañeiras de organización. Exiximos a súa liberdade e o fin da súa persecución.

Hoxe, cando se achega o aniversario do 1 de Outubro as organizacións asinantes reafirmámonos no que xa diciamos hai un ano:

O dereito ao voto é un dereito fundamental para calquera sociedade que queira resolver democraticamente calquera conflito de forma xusta e participativa.

O conflito político aberto entre Catalunya e o Estado Español só pode resolverse a través dun referendo onde o pobo catalán poida decidir libremente o seu futuro político.
Foron as negativas continuas do Estado Español a iniciar un proceso que acabe nun referendo pactado en Catalunya as que obrigaron ao Parlament de Catalunya a convocar de forma unilateral un referendo de autodeterminación o 1 de outubro de 2017.

En ningún caso pode ser a vía da prohibición, a represión ou a xudicialización a resposta que dea o Goberno do Estado Español aos desexos de liberdade do pobo catalán.

Como sindicatos somos conscientes de que a loita da clase traballadora de Catalunya polas liberdades é unha loita central para romper coa monarquía e os restos de franquismo que non foron eliminados durante a transición.

Comprometémonos a acompañar esta loita desde o noso territorio e nos centros de traballo.

A solución do conflito en Catalunya pasa só polo respecto á vontade do pobo catalán”

 

Loading…

Etiquetas

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: