A CRTVG volve defender a fichaxe da ex-Valedora para a Radio Galega polo seu “prestixio social indubidable”

O director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG), Alfonso Sánchez Izquierdo, volveu defender este xoves a incorporación á Radio Galega da ex-Valedora do Pobo, Milagros Otero, como participante nos faladoiros do programa Galicia por Diante tan só uns meses despois da dimisión do seu cargo.

Como xa fixera hai algo máis dun mes, Sánchez Izquierdo aludiu ao “prestixio social e académico indubidable” da ex-Valedora para responder ás preguntas da oposición, desta vez da deputada socialista Noela Blanco, que denuncian que os medios de comunicación públicos acollesen a Milagros Otero pouco despois da súa dimisión por ter facilitado un cargo na institución á sobriña de Manuel Fraga. 

Sánchez Izquierdo aludiu ao “prestixio social e académico indubidable” da ex-Valedora para xustificar a súa fichaxe pola Radio Galega ao pouco de dimitir

Unha sentenza do TSXG anulara por “desvío de poder” e “arbitrariedade” o nomeamento como xefa de servizo na institución que dirixía Otero dunha sobriña do falecido ex-presidente da Xunta, irmá do actual voceiro parlamentario do PPdeG, Pedro Puy. O proceso, segundo o Superior, fora trazado “á medida” da elixida. O pasado mes de xullo a daquela Valedora presentou o seu escrito de dimisión tres meses despois de presentar ante a Cámara unha renuncia que foi modificada para poder seguir no cargo por tempo indefinido

Tan só unhas semanas despois de confirmarse a súa marcha, a Radio Galega incorporouna como participante dos seus debates, unha decisión que Sánchez Izquierdo defende con vehemencia nas comisións de control da CRTVG no Parlamento, tamén nesta última, acusando a oposición de “quererlle dar alcance político a un tema o que a Corporación ten que estar á marxe”. 

 

 

https://praza.gal/politica/a-crtvg-volve-defender-a-fichaxe-da-ex-valedora-para-a-radio-galega-polo-seu-prestixio-social-indubidable

 

 

praza.gal

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
Cerrar
A %d blogueros les gusta esto: