A multipremiada película en galego “Dhogs” examínase ante o público nos cinemas

galiza

O filme máis premiado do cinema galego último, Dhogs, estreouse a pasada fin de semana en 12 salas, dez galegas, unha catalá e outra en Madrid. “Está funcionando moi ben”, apuntan desde a produtora cinco días despois da súa posta de longo na pantalla grande.

“Dhogs” colgou na súa estrea o xoves nos cinemas Norte de Vigo o cartel de “non hai entradas”. Con todo, quen non se deixaron seducir aínda pola atmosfera impredicíbel que debuxa Andrés Goteira na súa ópera prima poden facelo porque a película segue en carteleira. Dhogs, un thriller de historias paralelas rodado en galego, resultou a obra máis recoñecida na última edición dos premios Mestre Mateo e na historia dos galardóns: obtivo 13. Producida por Gaitafilmes e Pixel Filmes, dirixiuna Andrés Goteira (Meira, 1983).

A Sala Numax de Compostela, os Multicines Norte de Vigo, o Abella de Lugo, os Cantóns da Coruña ou o Duplex de Ferrol son algúns dos lugares que teñen Dhogs en carteleira. En Madrid está no Artistic Metropol e en Barcelona, no Zumzeig.

Loading...

A satisfacción que amosa Suso López, produtor executivo, ten a ver co “pequeno” tamaño da obra. Pequeno en canto a orzamento -285.000 euros-, que non en repercusión -conta os galardóns por ducias- nin a dicir da boa parte da crítica. “Hai máis cinemas interesados en proxectala, e algunhas das salas en que se pode ver xa a renovaron”, explican en declaracións a Sermos Galiza.

A cinta, interpretada por Antonio Durán “Morris”, Carlos Branco, Miguel de Lira, Melania Cruz e Iván Marcos, entre outros actores, é difícil de definir porque é un constante cruzamento de camiños, e non só porque as historias entrecrúzanse no tempo e no espazo, senón porque transita entre distintos xéneros cinematográficos.

O seu ambiente tórrido, a violencia que retrata e os personaxes que a habitan valéronlle non poucos premios ao seu director e tamén que se lle compare con grandes nomes do cinema como David Lynch e os irmáns Coen. Tras pasar polos festivais de Londres, Buenos Aires e Sitges, e levar trece premios Mestre Mateo, ” Dhogs” examínase agora ante o público nas salas de cinema.