A sanidade galega no verán: pacientes sen atender por falta de persoal e máis de 15 días para unha cita médica

galiza

A CIG-Saúde vén denunciando durante todo o verán os continuos problemas que se detectan na sanidade pública galega como consecuencia da escaseza de persoal pola política de recortes que aplica o Sergas. Á morte dun paciente no PAC da Estrada sen atención médica e á sobrecarga de traballo no centro de saúde de Viana do Bolo hai que sumar agora pacientes sen atender por falta de facultativos/as e listas de espera de máis 15 días para unha cita co médico/a de cabeceira.

Segundo explican dende as federacións de Saúde da CIG da Mariña e de Pontevedra, nesta ocasión as localidades afectadas foron Viveiro e Combarro. No concello lugués, dos tres médicos/as que pasan consulta no centro de saúde na quenda de tarde só un traballou este martes 14, “nunha poboación que ademais medra coa chegada de veraneantes”.

Denuncian que o Sergas non está a cubrir as ausencias do persoal e lembran que unha médica atópase de excedencia (sen substituír), outro médico está de vacacións (ao que tampouco se substituíu), quedando o centro cunha soa médica, “unha práctica que o Sergas nega pero que é desmentida pola realidade do día a día e polas denuncias de pacientes nos distintos centros de saúde da Mariña”.

Ao mesmo tempo, sinalan que na quenda da mañá hai dúas prazas que permanecen sen cubrir durante todo o verán: unha médica que marchou por un nomeamento político e un médico que se xubilou.

Como consecuencia desta situación, na tarde do martes houbo pacientes que tiveron que agardar até tres horas para que finalmente lles dixesen que non ían ser atendidos/as. “Estaban citados/as porque o Sergas se comprometera a cubrir un segundo médico/a, mais chegaron as seis da tarde e fóronlles comunicado que tiñan que marchar para a casa xa que finalmente non ían mandar ningún substituto/a, quedando sen asistencia sanitaria”.

Numerosas persoas amosaron a súa indignación ante o sucedido, e rexistraron follas de reclamacións contra o que consideran un novo ataque á sanidade pública da Mariña que contribúe aínda máis a desmantelar a Atención Primaria.

Amortización de prazas e desmantelamento da sanidade

Dende a CIG sinalan que “a amortización de prazas nos centros de saúde, a falta de cobertura das ausencias dos profesionais e a contratación en precario por días e incluso por horas provoca unha sobrecarga de traballo que repercute nunha grave perda da calidade asistencial”.

Denuncian que o obxectivo final é desmantelar a sanidade pública

Diante disto, consideran que é fundamental a recuperación dos postos de traballo suprimidos nos últimos anos para garantir a calidade asistencial e a estabilidade laboral, “acabando coa precariedade que presenta o sistema”.

Segundo critican, este é o modelo que a Xunta de Feijóo promove e impulsa a través da EOXI de Lugo-Cervo-Monforte e que está a provocar o desmantelamento intencionado da atención sanitaria. “É o modelo da destrución de emprego, do deterioro progresivo da Atención Primaria, asfixiando os seus profesionais para trasladarlle á cidadanía a percepción dunha sanidade precaria e insostíbel, e deste xeito, ir desmantelándoa pouco a pouco”.

Por iso entenden que é fundamental rescatar a sanidade pública galega e dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade, “fronte os Gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”. Finalmente, amosan o seu rexeitamento ás prácticas “irresponsábeis e temerarias” coas que a Xerencia da EOXI de Lugo trata a poboación de Viveiro en concreto e da Mariña en xeral, e esixen a cobertura de todas as ausencias para garantir unha calidade asistencial digna.

Máis de 15 días de espera en Combarro

Loading...

Pola súa banda, dende a CIG-Saúde de Pontevedra denuncian que as listas de agarda para unha cita co/a médico de cabeceira no centro de saúde de Combarro superan en moitos casos os 15 días e aseguran que son numerosas as queixas de pacientes pola tardanza en seren atendidos/as polo médico/a de cabeceira. “En moitos casos estas persoas vense obrigadas a ir urxencias ou mesmo a recorrer á sanidade privada para solucionar os seus problemas de saúde”, censuran.

En moitos casos os pacientes de Combarro vense obrigados a acudir a urxencias ou a recorrer á sanidade privada

Explican que esta situación afecta tamén a pacientes que precisan un seguimento personalizado e non poden ser atendidos/as polo seu médico/a de cabeceira, ocasionándolles trastornos no seu tratamento. “Este centro de saúde, cun cadro de persoal de tres médicos/as de medicina xeral, tres enfermeiros/as e dous administrativos/as, está baixo mínimos xa que non se está a cubrir a xubilación dun médico, nin vacacións, nin I.T.

Como consecuencia, os profesionais vense obrigados/as a prolongar a xornada laboral para poder atender a todos/as os pacientes. “Tampouco se tivo en conta o aumento de poboación no verán nesta zona por parte dos responsábeis da Xerencia da EOXI Pontevedra-Salnés, e non se reforzou o cadro de persoal”.

Sosteñen que o argumento utilizado polos responsábeis da EOXI de que non hai profesionais “xa está moi manido, pero a realidade é que non queren asumir responsabilidades e empregan este argumento para xustificar o inxustificábel”. Consideran que se non hai profesionais é por algo, “non obedece a unha praga divina, senón que terá máis que ver coa nefasta xestión do PP: recortes, repagos, privatizacións, abandono da Atención Primaria, políticas que favorecen aos grandes monopolios sanitarios, política de contratación medieval, etc.”.

Finalmente, inciden en que un dos problemas máis graves que padece o sistema sanitario público galego “é o abandono interesado da Atención Primaria por mor da política imposta por Feijóo para privatizalo”.

Loading…