Abrumador seguimento na primeira xornada de folga do aeroporto de Santiago “Rosalía de Castro”

O comité de folga valorou esta mañá como “total” o seguimento da primeira xornada de paro convocada en demanda do mantemento da cantina e para denunciar, entre outras cuestións, a alarmante precariedade que se está instalando no sector aéreo e, nomeadamente, no aeroporto Rosalía de Castro.



“Desde o comité de folga facemos unha valoración moi, moi, moi positiva. A resposta que deron hoxe as traballadoras e traballadores do aeroporto foi mesmo superior á esperada”, aseguraba Pablo de Prado ao remate xusto da xornada.

Un seguimento que provocou o peche das cafeterías, dos portelos de atención a pasaxeiros das liñas aéreas, dos portelos de información e mesmo da oficina de Correos porque, como lembrou de Prado “esta é a primeira vez na historia na que se convoca unha folga nun aeroporto do Estado español á que se uniu todo o persoal de todas as empresas que operan nas instalacións de Lavacolla”.



Por iso reiteraron a súa intención de denunciar os abusivos servizos mínimos decretados por AENA á que fixeron responsable, xunto ao propio Director do Rosalía de Castro, de provocar unha folga diante da súa negativa a reunirse co persoal, nin unha soa vez, desde o mes de marzo. “Actitudes como esta lémbranos outros tempos que debían estar superados. Esta é unha empresa pública financiada por todas e todos nós e, como mínimo, tería que escoitar o que as traballadoras e traballadores lle teñen que dicir”.

Loading...

“Non pode ser que un traballador ou unha traballadora teña que pagar por vir traballar”

A folga está convocada tamén para os días 20 e 27 deste mes, non só en demanda de que se manteña o servizo de cantina, senón tamén para denunciar a cada vez maior precariedade que padecen. “Hai traballadoras e traballadores que se teñen que espir no aparcamento, porque encadean un traballo con outro para poder saír adiante. Ás traballadoras e traballadores xa pagan polo aparcamento e agora se lles quere cobrar tamén os mesmos prezos que ás pasaxeiras e pasaxeiros por tomar un café ou un bocadillo, cando non teñen máis remedio que tomalo nas instalacións do aeroporto. Isto é insoportable e o que non pode ser é que un traballador teña que pagar por vir traballar”, explicou o portavoz do comité de folga.



De Prado lembrou que, desde que se iniciou o conflito, no mes de marzo, acudiron a todas as instancias, desde o concello de Santiago até o Parlamento Galego e conseguiron o apoio unánime tanto da corporación compostelá como dos grupos parlamentarios con representación no Pazo do Hórreo.

Responsable da folga: AENA

Con todo insistiron en que a responsábel desta situación foi a propia AENA porque “xa non sabemos que máis facer para que sente a falar con nós, co comité de folga, coas traballadoras e traballadores do aeroporto”.

Neste sentido, Manuel Rendo, que subscribiu a denuncia de De Prado pediu desculpas ás usuarias e usuarios do aeroporto porque o seu director Ricardo Navarro “non soubo estar á altura das circunstancias”.

Rendo concluíu facendo un chamamento ao Ministerio de Fomento para que adopte medidas e busque unha solución canto antes a este problema.

https://www.cig.gal/nova/abrumador-seguimento-na-primeira-xornada-de-folga-do-aeroporto-de-santiago-rosalia-de-castro.html

cig.gal

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: