Autónomos, a outra burbulla económica?

A diferenza entre a pensión de xubilación de un traballador por conta allea e un autónomo en Galicia supera os 500 euros. Por que? As razóns habería que buscalas no tipo de fiscalidade que lle impoñen a unha e outra figura. Por outra parte, os case 300 euros que se paga por taxa de autónomos por mes non permite a moitos e moitas profesionais vivir comodamente dos seus ingresos. Máis aínda en caso de ser un “falso autónomo” e cun salario inferior aos 900 euros mensuais con cargas familiares.

Doutra parte, a aplicación das tarifas planas”, primeiro 50 euros logo 60 euros por mes coa chegada do goberno Sánchez, aplicadas durante dous anos, fixo que moitas persoas capitalizaran a prestación por desemprego para abriren negocios. Tamén houbo quen, sen moita formación, quixo sacar adiante proxectos innovadores mais de súpeto bateu coa realidade do mercado. Así, cando a tarifa plana se esgota ou o modelo de negocio non resulta competitivo, o número de baixas de autónomos dispárase a un ritmo acelerado.

OS AUTÓNOMOS EN GALICIA

O número de persoas en réxime de traballador autónomo superaría as 200.000 segundo datos da Consellería de Economía e Industria en “agosto de 2019, hai un total de 211.003 autónomos en Galicia, o que representa un peso do 20,35% na Comunidade, fronte o 16,88% do conxunto de España, é dicir, case tres puntos e medio máis”. Case o 60% son homes e “ao redor das tres cuartas partes son maiores de 40 anos e levan máis de tres anos neste réxime”. A división por sectores deixa ver que “a maioría concéntranse no sector servizos, seguido do primario, a construción e a industria. A maiores hai outros 9.269 autónomos ligados a actividades no mar”.

Jesús Diéguez, representante en Galicia da Unión de Profesionales y Trabajadores Autónomos (UPTA) confirma que “a diferenza entre a pensión media de quen foi traballador por conta allea e quen foi autónomo é de máis de 500 euros en Galicia”. Un autónomo que consegue reunir os 900 euros e pico de salario base ten garantida unha pensión suficiente? “Non, porque tal como está montado o sistema de pensións, agora mesmo con 900 euros, o normal é que cotices por unha base mínima”. A consecuencia de todo isto, segundo nos di Jesús Diéguez, é que “así temos xubilacións cunha media de 600 ou 700 euros máximo”.

Os últimos cálculos apuntaban á desaparición duns 1.500 autónomos e autónomas en Galicia. Dentro deste sector, o subsector que máis baixas está tendo “é o comercio, mais en xeral estamos asistindo ao que nós chamamos un intercambio de cromos” di Diéguez. Os motivos para Diéguez son que “durante os primeiros tempos que pagas a tarifa plana as cousas poden ir relativamente ben, mais logo cando pagas os case 300 euros por mes, moitas persoas teñen dificultades”. A este factor tamén lle suma “que o traballo autónomo en Galicia está moi envellecido, nos vindeiros dez anos sairán do sistema máis de 40.000 autónomos por xubilación”.

“A perda de 1.500 traballadores autónomos en Galicia son datos dos dous últimos meses” di Francisco Pérez, presidente da Federación de Autónomos de Galicia (FEAGA). “En Galicia logo duns anos de recuperación despois da crise, no último ano e medio vemos unha perda continua de autónomos, no mes de agosto deste ano perdéronse 500 postos de autónomos cada día en todo o Estado”. Con todo, as cifras coas que traballa FEAGA, apuntan a case dous mil traballadores autónomos que deixaron a actividade. O motivo para Francisco Pérez “as tarifas planas crearon unha burbulla de emprendemento con persoas que capitalizaron a prestación por desemprego para facerse autónomo sen ter preparación, sen estudos de mercado e agora todo ese emprego se está perdendo”.

A situación xeral en Galicia para Francisco Pérez non favorece o que sería a aparición de novas empresas ou autónomos. “Temos o problema demográfico, non hai unha grande industria ou está focalizada en dúas ou tres grandes empresas, falta pequena industria que cree postos directos ou indirectos, mesmo o turismo tamén parece que chegou a estado que non tira como outros anos”.

CASTIGO AOS AUTÓNOMOS?

A cuestión é que o traballo autónomo estaría tamén ligado a persoas cunha idea de negocio, ben innovador ou ben dentro do que se denomina “emprendemento”. Con todo, a sensación de “castigo” cara quen emprende ou traballa como autónomo, aparece nada máis se afrontan os primeiros gastos. “Eu non diría que se castiga, nós dicimos que se nos discrimina” sinala Jesús Diéguez “a resposta que che dan é que cada un cobra segundo cotiza, pois entón coticemos (os autónomos) segundo os ingresos reais”.

Loading...

Se a cotización segundo ingresos reais fose a única forma de equilibrar o sistema, por que non se ten aplicado ata o de agora? “Nos últimos meses arrincamos un compromiso de cotizar segundo o que se gaña, mais o Goberno central está en funcións” di Diéguez. “Por primeira vez xa se fala deste asunto, agora conta cun certo consenso de case todos os grupos políticos, tamén hai quen non está de acordo con este tipo de cotización simplemente porque non”.

Con todo, a pregunta é, por que non se aplicou nunca a cotización segundo a cantidade de ingresos? “Porque se crearían novas competencias, habería que cambiar unha lexislación completa, a de autónomos e tamén a lexislación da Seguridade Social” sinala Francisco Pérez. Polo de agora, “temos un goberno en funcións e non se pode facer nada sobre ese punto”.

“Si que se fixeron unha serie de reformas durante este mandato de Sánchez, como gastos de manutención e outras pequenas cousas, non obstante, a grande reforma do réxime de pensións para autónomos e cotización segundo ingresos, quedou aí pendente” lamenta Francisco Pérez.

FALSO AUTÓNOMO E AXUDAS

Apareceu a figura do falso autónomo, a contratación mediante o réxime de autónomos mais cumprindo como se se estivese contratado por conta allea, é dicir, respondendo a horarios e pautas marcadas polo empresario para quen se traballa ou que en teoría, encarga o traballo.

“O estatuto do traballo autónomo recolle a figura do autónomo dependente, cousa difícil de explicar, unha persoa independente como pode ser dependente?” pregunta Francisco Pérez. “Son persoas que traballan para unha única empresa ou o 75% dos ingresos veñen dunha única empresa”. Así “creouse un rexistro onde, voluntariamente, se deberan inscribir este tipo de contratos, mais como é voluntario, eses contratos non existen”. Desta maneira os contratos asinados baixo a figura laboral do autónomo dependente “é un contrato mercantil puro e duro, que crea situacións lamentables con relacións cuasi-laborais, dependente de quen lles dá traballo e formalmente están moi desprotexidos”.

Sobre este punto, a Consellería de Economía apunta que “dentro da actividade da Inspección Laboral en Galicia, no primeiro semestre de 2019 leváronse a cabo preto de 42.500 actuacións (en xeral, non só de autónomos), das que 1.870 remataron cunha acta de infracción (4,4%). Estas actuacións permitiron transformar 2.944 contratos en indefinidos e que afloraran 1.474 empregos sumerxidos”.

A Consellería tamén apunta á creación dunha serie de axudas dirixidas a este sector laboral. Así apunta que “en 2019, as medidas contempladas son: axudas para o establecemento como autónomos; para o establemento como autónomos societarios; para a contratación do primeiro, segundo ou terceiro traballador indefinido; bono das persoas autónomas; e a orde conciliación para autónomos. Ademais, hai outros instrumentos de apoio como a oficina virtual do autónomo onde se dá resposta ás súas inquedanzas e dúbidas, ademais de información das axudas á súa disposición. http://oficinadoautonomo.gal/gl”.

Existe o Bono Autónomo que “é unha axuda da Xunta de Galicia para determinadas actuacións, para innovación, mellora de equipamento ou formación” sinala Diéguez. “Nós traballamos para ter representatividade para así poder ter peso, mais o autónomo non é moi dado a asociarse e se me preguntas por que, non o sei, sinceramente”. Logo está tamén o efecto mediático “non é o mesmo que peche un autónomo con dous ou tres empregados que o peche dunha fábrica con cen traballadores, o último pode pór en risco o número de votos”.

A conclusión xeral é que o traballo autónomo é complicado, aínda así crean postos de traballo e novas empresas. Logo por outra parte, outra queixa que teñen é a burocracia “elefantiásica” ao haber cinco administracións diferentes, desde a local á europea. Por outra parte, os cambios lexislativos necesarios para unha mellor cobertura dos autónomos, implicaría un cambio de arriba a abaixo de moitos aspectos da lexislación laboral, un traballo que non é moi atractivo para as autoridades políticas. E por último, a cotización segundo ingresos, ligada ao anterior sobre lexislación, pagar segundo se ingresa. 

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/103806-autonomos-burbulla-economica

galiciaconfidencial.com

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: