BNG, En Marea e PSdeG-PSOE atribúen a renuncia de Feijóo ao “medo aos dossieres” e á “travesía no deserto” do PP en España

praza.gal

A renuncia de Feijóo desata a guerra interna a cúpula estatal do PP e tamén cambia o escenario galego nas filas populares e tamén nas da oposición, onde non foron poucos os cargos que nas últimas semanas deron a marcha de Feijóo practicamente por feita nun escenario de dobre proceso sucesorio a menos dun ano das eleccións municipais.

O temor ao fracaso en Madrid e a eventuais “dossieres” proliferaron nas primeiras reaccións da esquerda galega.

A xuízo da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, Feijóo “optou por Galiza por descarte, movido polo medo aos dossieres”, pero tamén “á travesía do deserto dun PP corrupto”. “Esta decisión non ten nada que ver co seu compromiso con Galiza, non lle imos a comprar esa milonga”, afirma a líder soberanista.

 

“Narcotráfico, corrupción, recortes, financiamento ilegal… Demasiado peso na mochila”, afirmou no nome de En Marea o seu voceiro, Luís Villares, pouco despois da xunta directiva do PP. “Se eles non o queren, nós tampouco”, advirte Villares, quen engade que Galiza “non precisa un presidente de cartón pedra”.

Para o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o “devalo” do PP e as súas poucas “opcións de gobernar España” en 2020 foron claves na decisión. Tras a “telenovela”, o líder socialista reclama que o presidente da Xunta se “centre”, agora si, “nos problemas dos galegos”.

En contra do que apuntaban desde hai anos a maioría dos prognósticos, Alberto Núñez Feijóo non competirá por facerse coa presidencia do PP tras a dimisión de Mariano Rajoy. Así o anunciou a última hora da tarde deste luns o propio Feijóo nunha xunta directiva do PP galego convocada con só catro horas de antelación. No mesmo hotel compostelán no que, como se encargou el mesmo de lembrar, en abril de 2016 escenificou cun aquel sacrificado a decisión de concorrer ás eleccións galegas por terceira ocasión, pero cunha escenografía artellada para a ocasión nos xardíns do recinto, o titular da Xunta proclamou entre bágoas a súa vontade de non concorrer ao congreso. “Pódese e débese facer política nacional dende Galicia”, sinalou nun discurso pronunciado de xeito íntegro en castelán, ao contrario do que nel é habitual.

Con bágoas nos ollos, asegurou que é “o presidente de Galicia porque o meu único pacto foi cos galegos” e para el “ser presidente de Galicia é a maior das miñas ambicións políticas”

Feijóo comezou a súa intervención xustificando o seu dereito a pronunciarse sobre o futuro do PP diante do “máximo órgano do meu partido, o Partido Popular de Galicia”. Segundo dixo, reflexionou sobre “a posibilidade de presentar a miña candidatura” amparado en que “temos o respaldo da única maioría absoluta nunha comunidade autónoma do conxunto de España”, polo que considerou “lexítimo” pensar na posibilidade de presentarse. Pero xusto a continuación engadiu que quere ser “coherente cos meus actos, tanto os pasados como os presentes”. E tras beber auga, con bágoas nos ollos, asegurou que é “o presidente de Galicia porque o meu único pacto foi cos galegos” e para el “ser presidente de Galicia é a maior das miñas ambicións políticas”. “Sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos porque sería ademais fallarme a min mesmo”, sentenciou sobre a súa promesa de presidir a Xunta ata o final desta lexislatura, en 2020, para engadir que “por riba do curriculum dunha persoa concreta está o compromiso cun pobo”.

“Galicia non vai estar ausente, dará a súa opinión e eu vou defender os intereses de Galicia e os intereses constitucionais”

Sobre o partido a nivel estatal Feijóo admitiu que “ten que abrir unha nova etapa que marque a diferenza cos demais partidos”. Feijóo engadiu que vai contribuír desde Galicia a esa nova etapa aberta na política española en xeral porque “pódese e débese facer política nacional desde Galicia e vouna seguir facendo”. “Galicia non vai estar ausente, dará a súa opinión e eu vou defender os intereses de Galicia e os intereses constitucionais”, dixo.

Tras o anuncio, Feijóo semellou ser o único non contaxiado da euforia xeral que estourou entre os populares galegos

O seu discurso, duns quince minutos, entre caras de incredulidade da maioría dos presentes que xa daban por feita a súa marcha a Madrid, rematou cunha longuísima ovación dos asistentes, entre os que estourou a euforia. Unha euforia da que o propio Feijóo parecía o único non contaxiado tras facer pública a súa decisión. Nos grupos de cargos do partido que se formaron a continuación a maioría de comentarios eran de alegría ante a fortaleza que ao seu ver manterá a formación en Galicia con Feijóo á fronte, mentres que só uns poucos se preguntaban que será do partido a nivel estatal sen el como candidato de consenso. O propio Feijóo facía ver a algúns dos seus o fortes que foron as presións para que dese o paso de presentarse.

Loading...

Feijóo levaba anos formando parte das cábalas sobre a sucesión de Rajoy desde que el mesmo, ao obter en 2009 a primeira das súas tres maiorías absolutas nas autonómicas galegas, deu nova vida ao daquela moi cuestionado líder estatal. As súas sucesivas vitorias electorais en Galicia contribuíron a situalo como principal barón do PP, ao tempo que el mesmo se coidaba de reiterar a súa fidelidade a Rajoy.

A traxectoria ascendente de Feijóo como principal barón do PP viuse embazada pola revelación da súa amizade de anos con Marcial Dorado

Esta traxectoria ascendente viuse embazada en 2013 pola revelación por parte de El País da súa amizade de anos na década dos 90, cando el era número 2 da Consellería de Sanidade, con Marcial Dorado, xa daquela coñecido contrabandista e condenado posteriormente por narcotráfico. Os focos volveron virar cara a el tras a nova vitoria de 2016 e fixérono de vez a comezos deste mes, cando o triunfo da moción de censura do PSOE levou a Pedro Sánchez á presidencia do Goberno de España e propiciou a retirada de Rajoy.

Dende que a censura propiciou os acontecementos, ao tempo que limitou a autocrítica sobre a corrupción no PP confirmada pola sentenza do caso Gürtel, o presidente galego deixouse querer e apurou os tempos antes de anunciar a súa decisión, insistindo no seu compromiso con Galicia. A ese compromiso de esgotar a actual lexislatura autonómica que remata en 2020 apelou este luns para quedar. Era o que máis lle pesaba á hora de elixir. “Sen completar o meu compromiso non podo fallar aos galegos, porque sería ademais fallarme a min mesmo”, afirmou.

Pablo Casado, García-Margallo, o secretario de Relacións Internacionais do PP e un ex-presidente autonómico de Nuevas Generaciones son os catro aspirantes que xa anunciaron as súas candidaturas

Ata o anuncio de Feijóo da tarde deste luns, outros populares anunciaran a súa intención de concorrer á presidencia do partido: o vicesecretario de Comunicación da formación, Pablo Casado; o ex-ministro de Exteriores José Manuel García-Margallo; o secretario executivo de Relacións Internacionais do PP, José Ramón García-Hernández; e o ex-presidente de Nuevas Generaciones de Valencia, José Luis Bayo. Outra das posibles candidatas, a actual secretaria xeral do partido, María Dolores de Cospedal, ten previsto celebrar este martes unha xunta directiva do partido en Castela-A Mancha.

Loading…

praza.gal

Necesitamos tu ayuda

La falta de libertad de prensa es un grave problema de nuestra sociedad. Ayuda a la prensa independiente, aquella sin ataduras a las multinacionales y a las subvenciones del partido gobernante. Haz posible la independencia del periodismo. Por una información veraz, una democracia más justa.

Seguir en Facebook !

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.