Crítica de cinema: Amundsen, por Andrés Castro

Espen Sandberg prescinde, por vez primeira, de Joachim Rønning, o seu codirector habitual, que acaba de dirixir, tamén en solitario, a segunda parte de Maléfica. Xuntos labraron unha carreira irregular con filmes como Bandidas (un western producido por Luc Besson con Salma Hayek e Penélope Cruz), Max Manus (gañador de seis premios da Academia de Noruega) ou Kon-Tiki (nomeado ao Óscar a Mellor Filme Estranxeiro). Carreira irregular pero que lles levou ata Hollywood onde dirixiron a última parte da franquía de Piratas do Caribe, con Javier Bardem facendo de malo.

Con Amundsen retorna ao biopic, un subxénero no que semella atoparse cómodo e, máis concretamente con persoeiros da historia de Noruega. Con Max Manus narraba a historia dun líder da resistencia norueguesa; con Kon-Tiki (ver Sermos Galiza nº93) contaba a fazaña duns exploradores, tamén noruegueses, que cruzaron o Pacífico nunha balsa de madeira para demostrar un estudo antropolóxico. Agora céntrase na vida dun dos máis grandes pioneiros do século XX: Roald Amundsen.

O filme intenta achegarse ao lado máis humano do explorador, aínda que sen deixar de lado as súas fazañas. Perfila as luces e sombras dun home malhumorado e obsesionado co recoñecemento e a inmortalidade en tempos nos que as grandes conquistas chegando territorios inexplorados eran noticia e os heroes eran recibidos con loas e parabéns, como nas novelas de Jules Verne. Eran xente respectada e admirada. Coma futbolistas ou estrelas de cinema.

Por suposto tamén se contan, con todo luxo de detalles, as fazañas de Amundsen na carreira por chegar ao Polo Sur (o 14 de decembro de 1911) gañando a carreira o británico Robert Scott, ou o estudio da deriva oceánica do Ártico, ou os intentos (houbo varios) por sobrevoar o Polo Norte, ou o fatídico derradeiro viaxe no que desapareceu e se deu por morto (nunca se atopou o seu cadáver).

O camaleónico actor Pål Sverre Hagen ponse na pel de Amundsen e, probablemente, sexa o máis destacado do filme. Xa estivera ás ordes de Sandberg en Kon-Tiki onde, curiosamente, tamén interpretaba outro obsesivo expedicionario con gaña de transcender. Xunto el, a faciana máis internacional é a de Katherine Waterston (Animais fantásticos e onde atopalos).

Formalismo nórdico nun biopic plano no narrativo e moi desaproveitado nos momentos cumio. As actuacións dos actores están correctas e os efectos visuais e a fotografía son bastante dignos, pero a realización é demasiado académica, sen risco, baleira… Nin sequera trata de homenaxear a curta documental da chegada o Polo Sur filmada por Amundsen. A presentación de personaxes é totalmente prescindíbel, o mesmo que o flash-back arredor da infancia. Precipitada na execución dos acontecementos. Todo moi atropelado. Probablemente gañaría moitos enteiros se contase só unha parte da vida de Amundsen, en troques de intentar contar toda a súa vida de principio a fin. Mágoa.

Con todo, gustará a amantes das biografías enciclopédicas (con post-créditos explicativos) e das aventuras con (certo) espírito Jules Verne.

Amundsen

(Noruega-Suecia-República Chequia 2019, 125 min.)

Dirección: Espen Sandberg

Guión: Ravn Lanesskog

Fotografía: Pål Ulvik Rokseth

Música: Johan Söderqvist

Elenco: Pål Sverre Hagen, Christian Rubeck, Katherine Waterston, Trond Espen Seim, Ida Ursin-Holm, Genn Andre Kaada, David Bark-Jones, Luca Calvani

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/cultura/critica-cinema-amundsen-andres-castro/20191115084226086916.html

sermosgaliza.gal

Etiquetas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
Cerrar
A %d blogueros les gusta esto: