Denuncian a venda de colares de descargas eléctricas a pesares da súa prohibición

galiza

A entrada en vigor da Lei de Benestar Animal de Galiza fai case oito meses introduciu unha importante novidade con respecto á protección de cans e gatos, como é a prohibición de “emprego de instrumentos ou métodos daniños de suxeición, retención ou educación, como os colares eléctricos que produzan descargas”.

Leste veto, incluído no artigo 9. c do texto normativo, trae consigo sancións de até 5.000 euros e mesmo a inhabilitación para a tenencia de animais de compañía por un máximo de cinco anos para as persoas que violen a lexislación autonómica, sendo considerada unha conduta de carácter grave.

Con todo, como denunciaron a Asociación Animalista Libera e a Fundación Franz Weber este domingo, cunha simple procura de cinco minutos na internet, detectaron ata unha trintena de anuncios en diferentes plataformas e coñecidas superficies comerciais que permiten comprar toda clase de colares de descargas eléctricas, e instaron á Xunta a realizar unha investigación exhaustiva sobre a súa venda.

Os animalistas lembran que esta mesma semana o goberno inglés anunciou un procedemento legal para prohibir definitivamente estes artefactos de crueldade, na mesma liña que Gales ou outros países como Suecia e Alemaña, mentres que a restrición no caso de Galicia parece estar a fallar, cunha venda de fácil acceso que promove o seu uso irregular.

Os colares de descargas teñen en adiestradores pouco éticos e nos cazadores os seus principais compradores, aínda que persoas sen ningún tipo de formación nin coñecementos sobre etología, a ciencia que estuda o comportamento animal, poden compralos con cero restricións en coñecidas superficies comerciais dedicadas a produtos deportivos ou en tendas de caza, evidenciando a debilidade do veto normativo.

Neste sentido FFW e LIBERA! mostraron a súa preocupación pola continuidade dunha práctica extremadamente cruel, duns artefactos que son capaces de descargar 6000 voltios sobre o pescozo dun can, nalgúns casos, durante 11 segundos. Un exercicio de sadismo que non demostrou efectividade educativa algunha.

Loading...

Esta clase de adestramento con métodos negativos é, segundo varios estudos internacionais, responsable de problemas físicos e psíquicos nos animais, detectándose maiores niveis de tensións, agresividade e ata profundas feridas nos pescozos dos cans e dos gatos como consecuencia do seu uso.

Loading…