Fariña, a pedra no camiño triunfal de Feijóo

galiza

A das Letras foi unha moi boa semana para Feijóo, seica a mellor desde comezos de marzo. Este feito nada ten que ver coa situación da lingua do país, a única cooficial do Estado que perde falantes como se denunciou na ritual manifestación do 17 de maio. Tampouco garda relación co optimista balance oficial da viaxe presidencial a Bruxelas, pois, aínda que a confirmación do mantemento dos fondos sería unha gran nova, só co tempo se poderán pasar os bos desexos polo peneiro da realidade da burocracia europea. A noticia da que se quixo puido gozar o xoves pola noite o inquilino da residencia presidencial de Monte Pío é tan boa para el, que compensa os ecos da recente constatación no Congreso de que o que presentou como a auditoría previa á fusión das caixas non era tal. E tamén fai o propio cos movementos sísmicos no PP do sur de Galiza polas avanzadas negociacións de Ciudadanos para fichar o exconselleiro Javier Guerra.

Este revival, amplificado pola súa comparecencia no programa de Jordi Évole no peor momento para facelo, cortou polo de agora o que semellaba o inicio da definitiva marcha triunfal de Feijóo cara á capital de España como sucesor de Rajoy

Houbo un antídoto que empequenece todas esas preocupacións ao actuar sobre a prioridade de Feijóo, a do seu soño madrileño. Chámase 22 balas, o título da película que Antena 3 emitiu no sitio que ata a semana anterior ocupou na grella Fariña, o nome do libro e da xa finalizada serie que devolveu á actualidade as súas fotos con Marcial Dorado, cando xa parecían estar lavadas nas urnas galegas de 2016. Este revival, amplificado pola súa comparecencia no programa de Jordi Évole no peor momento para facelo, cortou polo de agora o que nos maiores medios de comunicación do Estado e nos salóns do poder de Madrid semellaba o inicio da definitiva marcha triunfal de Feijóo cara á capital de España como sucesor de Rajoy.

Contan no PPdeG que o seu líder aceptou a entrevista que había tempo lle pedía o xornalista catalán dentro dunha negociación coa súa produtora, que pretendeu contar co presidente da Xunta nun programa nas zonas calcinadas pola vaga de lumes de outubro que non se chegou a rodar. Ao final a presenza en Salvados enmarcouse na xira que iniciara Feijóo en xaneiro por varias das principais canles de televisión e radio e xornais do Estado, tras o novo afundimento de Rajoy, Saénz de Santamaría e a dirección da madrileña rúa Génova nas eleccións catalás. Seica por estar metido na súa propia cápsula, que fai que para a maioría dos medios galegos as fotos con Marcial Dorado sexan tabú, o aparato de propaganda do presidente non tivo en conta que ese era o peor momento para que o seu xefe se sentase ante Évole, xusto cando unha xuíza de Collado Villalba, ao pé precisamente da autovía de entrada a Madrid dende Galiza, acababa de tomar a moi esaxerada decisión de secuestrar a obra de Nacho Carretero sobre a historia do narcotráfico galego. No círculo presidencial laiábanse despois de como fora editada a longa conversa de Salvados, sobre todo no que atinxe a Dorado.

Seica por estar metido na súa propia cápsula, que fai que para a maioría dos medios galegos as fotos con Marcial Dorado sexan tabú, o aparato de propaganda do presidente non tivo en conta que ese era o peor momento para que o seu xefe se sentase ante Évole

Fariña, ese libro no que sae vostede, como o definiu Évole no fragmento que acabou por servir de anuncio do seu programa “Esperando por Feijóo”, é unha obra que ten un flanco feble, o dalgúns erros de documentación. Un deles é a falla dunha referencia á sentenza do Tribunal Supremo que, a diferenza doutras co mesmo reo, absolveu polo delito de narcotráfico o exalcalde do Grove Bea Gondar, o autor da demanda que provocou o secuestro xudicial.O caso deste político que pasou por UCD, AP e un partido independente, e chegou a ser elixido alcalde estando en Alcalá Meco, non aparece na serie, pero si está a inexactitude de situar a mediados da década de 1980 a famosa frase de Fraga a Rajoy do ano 2000 de que casase e falase galego, idioma que, como ben lembran os populares que máis trataron o seu patrón hai tres decenios, nin o león de Vilalba empregaba entón.

A imaxe que se dá na serie do primeiro presidente da Xunta, con capacidade decisoria e non só como unha figura decorativa, ten pouco que ver coa realidade do seu mandato, no que delegou o poder no seu valido Barreiro

Loading...

Na Fariña da televisión atribúese á intervención dos narcos o afastamento de Rajoy da Deputación de Pontevedra, cargo que en realidade deixou antes do previsto, no outono de 1986, para asumir a vicepresidencia da Xunta en substitución de Xosé Luís Barreiro, co que perdera meses atrás a batalla interna polo control da Alianza Popular pontevedresa. Segundo denunciara entón publicamente o agora presidente do Goberno, o seu rival Barreiro contou co apoio dos capos, a través do que foi o estreito colaborador deste en AP e en Coalición Galega, o narcoavogado Pablo Vioque, en quen se basea o personaxe da serie do letrado Pedro Ventura, que é precisamente o que fala de Rajoy. Alén da moi polémica xuntanza de Fernández Albor cos contrabandistas fuxidos en Portugal, da que conta Carretero no seu libro que se sabe con certeza que se produciu mais non están claras as súas circunstancias, a imaxe que se dá na serie do primeiro presidente da Xunta, con capacidade decisoria e non só como unha figura decorativa, ten pouco que ver coa realidade do seu mandato, no que delegou o poder no seu valido Barreiro ata que romperon en 1986.

Fariña como libro ten dúas grandes fortalezas. É un apaixonante relato moi ben escrito dos extraordinarios feitos que levaron a uns contrabandistas e furtivos da ría de Arousa a converterse no elo de entrada da droga colombiana en Europa. E Carretero acertou de cheo na ambientación, no xeito de retratar as con frecuencia trapalladas destes criminais enxebres. Aínda que o uso dun castrapo en ocasións antinatural poida renxer, a serie explota de xeito acaído esa feitura do seu antecesor escrito en momentos estelares como o de moreas de cartos correndo coa auga da choiva no medio da vila ou a descarga de droga aproveitando a procesión da Virxe do Carme. Por máis que perdese forza para rematar cunha audiencia do 37% en Galiza e o 13% en España, Fariña chegou a acadar nas primeiras entregas un estratosférico 51% no país e un notable 21% no conxunto do Estado.

O gran paradoxo da dimensión política do libro de Carretero é que o seu contido resulta bastante menos desfavorable do que se podía pensar para os intereses do actual presidente da Xunta

Como xa contou a fin de semana pasada David Lombao, ese éxito provocou desacougo pola volta do pasado incómodo de Galiza. E xerou, sobre todo, un problema no presente a Feijóo, aínda que desta vez Évole non lle poida dicir que sae na serie, pois remata varios anos antes do tempo da súa amizade co capo Marcial Dorado, mentres todo semella apuntar polo de agora a que non vai haber continuación. O gran paradoxo da dimensión política do libro de Carretero é que o seu contido resulta bastante menos desfavorable do que se podía pensar para os intereses do actual presidente da Xunta, pois, máis alá de non achegar datos novos nin entrar noutras ligazóns de Dorado con dirixentes do PP, deixa en aberto a cuestión de se este só se dedicou ao contrabando de tabaco ou se as conexións co narcotráfico polas que foi condenado indican que si entrou nese negocio. Así malia o libro se vender moi ben, con varias edicións, non tivo repercusións para o dos Peares ata que a xuíza Fontana o fixo famoso, o que levou a poñer de novo o foco nas relacións entre o narcotráfico e a política, o que no contexto actual remite ás fotos publicadas por El País en marzo de 2013.

O problema de Feijóo non estaba no contido de Fariña, senón na mensaxe subliminar da lembranza sobre o que supuxo o narcotráfico en Galicia naqueles anos

O episodio todo do secuestro do libro, a entrevista de Évole e o posterior corte nas continuadas aparicións do presidente da Xunta nos medios de alén de Pedrafita, nese ir de “plató en plató” que dicía Pachi Vázquez, amosa que as fotos de Dorado seguen a ser o punto feble de Feijóo na súa carreira cara ao poder en Madrid, aínda que tras a súa incontestable vitoria electoral de 2016 en Galicia, co seu mellor resultado en porcentaxe de voto e a única maioría absoluta da España autonómica en tempos de gran desfeita do Partido Popular, xa non teñan o carácter de elemento de inhabilitación que adquiriron nos primeiros anos posteriores á súa difusión. Despois de que ningún candidato se atrevese a sacar as fotos no debate electoral da TVG e que só a nacionalista Pontón fose quen de falar delas alí, o portavoz de En Marea, Luís Villares, atacou o presidente da Xunta no Parlamento co papel de Albor na serie como arma. Mais o problema de Feijóo non estaba no contido de Fariña, senón na mensaxe subliminar da lembranza sobre o que supuxo o narcotráfico en Galicia naqueles anos.

 

Anxo Lugilde

praza.gal

Necesitamos tu ayuda

La falta de libertad de prensa es un grave problema de nuestra sociedad. Ayuda a la prensa independiente, aquella sin ataduras a las multinacionales y a las subvenciones del partido gobernante. Haz posible la independencia del periodismo. Por una información veraz, una democracia más justa.

Seguir en Facebook !

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.