Globos brancos pra concienciar contra a droga: «Traficantes de medio mundo seguen tendo a Galiza na súa diana»

Ribadumia tomou este mércores a testemuña doutras localidades da comarca do Salnés que nos últimos anos se converteron en epicentro da concienciación social contra o tráfico de drogas. Este 26 de xuño acolleu o acto central organizado pola Fundación Galega contra o Narcotráfico con motivo do día internacional contra o consumo indebido e o tráfico ilícito de drogas instaurado pola ONU.

Como cada ano dende hai trece, o acto, bautizado Panos Brancos contra a Droga, tivo como símbolo as bandeiras brancas como parte da aposta da FGCN por unha vida saudable, limpa, que enriquece ás persoas, fronte ao «escuro mundo das adiccións e o tráfico de drogas». Nesta ocasión, medio cento de rapaces de Ribadumia de entre 3 e 10 anos fixeron unha solta de globos brancos.

O acto contou coa presenza do presidente e o xerente da Fundación, Manuel Couceiro e Fernando Alonso; do xefe territorial  da Xunta de Galiza en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís; e do alcalde de Ribadumia, David Castro. Celebrouse, ademais, na Casa da Cultura da localidade coa asistencia de monitores e usuarios da Escola de Verán e a actuación da agrupación musico-cultural de Ribadumia.

Antes do inicio do mesmo, Couceiro sostivo que en Galiza segue a consumirse moita droga e iso quere dicir que segue entrando polas costas moita substancia e amosou a súa preocupación polo consumo de alcol e drogas entre os menores e entre os condutores. «O uso de alcol, drogas e condución é un cóctel molotov na xente moza», valorou, pra pasar a insistir na relación directa entre consumo de alcol e drogas e a accidentalidade e en que adoita aumentar durante o verán.

Ademais, Couceiro alertou sobre o feito de que a idade de inicio de consumo de alcol nos rapaces é «alarmante», pois sitúase entre os 13 e os 14 anos, e tamén destacou que se consume moita cocaína, pero tamén anfetaminas e drogas sintéticas en xeral, «un perigo tremendo».

A Fundación leu un manifesto no que insistiu, precisamente, sobre ese aspecto e sobre os «malos tempos» nos que vive a sociedade actual, pois en moitos ámbitos asúmese como normal a inxesta de alcol e outras drogas coma sinónimo de diversión. Respecto disto, advirten de que o culto ó alcohol e outras sustancias comporta «graves danos» pra a saúde das persoas, con implicación directa en accidentes de tráfico, violencia de xénero, abusos sexuais e mesmo fracaso escolar.

Os organizadores destacan que en Galiza seguen a confluír os problemas de adicción ás drogas xunto coa existencia de importantes redes criminais adicadas ó narcotráfico. No actual escenario de sobreproducción mundial, «traficantes de medio mundo seguen tendo a Galiza na súa diana e miles de quilos seguen entrando polas nosas costas cara Europa», denuncian.

Neste contexto, consideran que o rexeitamento social é un factor de suma importancia e no que Galiza «comeza a ser un referente». Así, ao seu xuízo, «atrás quedan os tempos nos que o narcotráfico contaminaba a toda a sociedade» e os galegos saben «dende fai moito tempo» que os narcotraficantes «non son heroes, nin filántropos, senón delincuentes rexeitados pola sociedade galega».

Natalia Puga, Mónica Patxot

https://pontevedraviva.com/xeral/55753/fgcn-globos-blancos-concienciar-narcotrafico-traficantes-medio-mundo-galicia-diana-/

Etiquetas

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada.

Botón volver arriba