“Insisto en defender a independencia do autor das dinámicas políticas porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política”

‘Dentro da literatura’, o último ensaio de Suso de Toro, preséntase coma unha introdución a esta arte. Podería entenderse coma un convite, para a xente nova, a pensar sobre a literatura. Mais, alén diso, é un libriño que contén algunhas das claves da propia obra de Suso de Toro e, sobre todo, da súa relación con ela. Falamos co autor de ‘Dentro da literatura’ e da súa última novela, ‘Fóra de si’, ambas publicadas por Galaxia.

Dentro da literatura’ naceu como unha proposta (ou máis ben unha idea) do pedagogo Xosé Manuel Rodríguez-Abella. Como foi escribir este libro? Supoño que quedará tamén como homenaxe a un amigo que, desgraciadamente, perdiches…

Hai amigos que son únicos e que se che faltan ficas orfo, este é o caso. Para min a amizade é moi importante, fun e son rico en amigos e amigas, así e todo Xosé foi unha amizade única, compartimos experiencias radicais desde moi novos e estarmos xuntos eran momentos de intimidade e confianza únicos. Alá está e o libro, que é un ensaio á miña maneira, tamén é un relato: comeza cunha encarga dunha persoa e remata con ese final.

“Desde un punto de vista vivencial, penso que a fama é unha forma abondo perigosa de alienación”

Nun dos capítulos deste libro falas da fama como unha maneira de poder. E dis que o autor que unicamente fíe no valor da súa obra, sen ningún poder detrás, probablemente non poderá abrirse camiño. Podes explicar isto mellor?

Entendo que a fama vívese máis ben como un espellismo desa idea absurda que é a gloria literaria. E que sexa absurda non quita para que sexa actuante. A gloria nunca se pode vivir, é un froito da morte, e a fama, que é fuxidía e escorregadiza, é a ilusión da gloria. Desde un punto de vista vivencial, penso que a fama é unha forma abondo perigosa de alienación. E que ninguén se faga ilusións: a fama cambia as persoas, aínda que resistas á tentación do enfatuamento cambias porque na creación dese fenómeno no só intervén un suxeito senón que interveñen os demais e se os demais te perciben de determinado modo finalmente xa es distinto. E non hai moita volta atrás, a volver ser quen fuches.

“A valoración das obras era moi condicionada pola ideoloxía política, mesmo pola posición dos autores, autoras, en relación coas organizacións ou figuras do nacionalismo galego”

Sobre fiar só no valor da obra, o valor da obra non abonda para que a túa obra sexa recoñecida, atendida e para que se institúa o seu valor. É evidente que o determinante é a posición de poder que teña o autor para que sexa atendida. Sexa poder político, mediático o como sexa. A posición na sociedade de quen escribe condiciona a existencia da obra. Se non tes poder, se non existes na esfera pública, é dicir mediática, a túa obra vai ficando en fóra de xogo.

En relación co anterior, varios capítulos ocúpanse do canon como expresión das relacións de poder: os canonizados adoitan ser homes e dos países e culturas hexemónicos. Do caso da literatura galega pouco comentas: relativizas o papel da crítica porque, segundo dis, case non sae nos medios. Como se constrúe, entón, o canon no caso da literatura galega?

Fasme pregunta comprometida e mala de contestar. Coido que o canon na literatura galega neste momento non existe realmente, houbo momentos nos que a cousa era máis simples porque era máis pobre. A valoración das obras era moi condicionada pola ideoloxía política, mesmo pola posición dos autores, autoras, en relación coas organizacións ou figuras do nacionalismo galego.

“A edición en castelán de obras, como ‘Land Rover’, cunha recepción crítica e de público deume aire e ánimos. Francamente sentíame sen ánimos”

Houbo un momento no que, penso que debido á falta de capacidade do “tinglado” literario institucional para aceptar novas voces ou estéticas foi o poder mediático madrileño que influíu e permitiu que entrasen e se instituísen esas novas obras. Non sei valorar ben como actuou no asentamento da miña obra ese aspecto: os meus libros dos anos oitenta foron lidos e influíron, mais a miña vivencia foi de que a comezos dos noventa sentíame afogado. A edición en castelán de obras, como ‘Land Rover’, cunha recepción crítica e de público deume aire e ánimos. Francamente sentíame sen ánimos.

A min encantaríame pensar só na literatura e nas artes, que é onde me desenvolvo e crezo, e non na vida pública do meu país, e desexo que os creadores poidan facelo”

Hoxe é un momento moi móbil e vivo, non sigo a actualidade mais intúo que é un momento creativo moi interesante. Con todo, sen o papel da crítica non hai unha literatura, a crítica é activa e debe ser creativa senalando e apostando polas obras en marcha interesantes. O crítico tamén debe correr riscos.

Canto á figura do “escritor comprometido”, dis que prefires a idea do escritor como traballador que a pose do autor cun aura de superioridade moral. O que ocorre é que cando o escritor se posiciona politicamente, como ti fixeches tantas veces, é bastante inevitable que sexa identificado coa figura do escritor “comprometido”, alén dunha pretendida superioridade moral. Como xestionar, entón, esta pequena contradición?

Sen dúbida é unha contradición grande. No meu caso é simples: conformeime como militante na adolescencia e non podo evitar seguir séndoo. Para min a política non é un oficio, nunca o foi, nin outra cousa que un compromiso moral. Mais esta vivencia é moi particular e ten a ver cun grupo de persoas dun tempo e unha xeración determinada. A min encantaríame pensar só na literatura e nas artes, que é onde me desenvolvo e crezo, e non na vida pública do meu país, e desexo que os creadores poidan facelo.

Loading...

“Un artista ao cabo actúa no público e ten responsabilidades coa vida pública”

Outra cousa é que hai momentos nos que é natural que, se son boas persoas e se senten atinxidos polos problemas dos demais, teñan que posicionarse publicamente. Pois un artista ao cabo actúa no público e ten responsabilidades coa vida pública. O mesmo digo para intelectuais en xeral e científicos. Se a sociedade, os demais, che dan alento para que existas tamén ti debes dar algunha cousa aínda que che custe.

“Insisto en defender a independencia do autor e a obra das dinámicas políticas precisamente porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política e as súas ideoloxías”

Varios capítulos teñen que ver tamén co debate sobre a autonomía da literatura. Dis que non es partidario de escribir para educar ou concienciar. Ocorre que o autor (coma o xornalista) é tamén parte dunha sociedade, dunha cultura… e forma parte das relacións de poder que se inscriben nelas. Entón ocorre que, ás veces, aínda sen querer, deseduca: educa no machismo, o clasismo, o racismo, a mentalidade colonial, etc. Así, unha cousa é que a literatura se poña ao “servizo de”, esquecendo que ten un fin en si mesma, que é ser literatura, e outra que o autor só poida ser fiel a si mesmo como se ollase a sociedade da que forma parte desde fóra. Dígoo porque ás veces este debate, que é sumamente complexo, se simplifica demasiado… Que pensas ti de todo isto?

Insisto en defender a independencia do autor e a obra das dinámicas políticas precisamente porque pertenzo a unha xeración moi afectada pola política e as súas ideoloxías. A min propio custoume liberarme de moitos condicionamentos ideolóxicos para gañar liberdade creativa e na cultura en lingua galega eses condicionamentos estiveron e están aí. Agora observo o que penso que son interferencias de ideoloxías que se incorporaron e se instituíron entre nós con éxito nos últimos anos como é o feminismo.

“Se unha ideoloxía, calquera sexa, libera a nosa mente é benvida; se somos débiles e deixamos que ocupe a nosa vida e nos transforme en instrumentos seus, entón deixa de ser liberadora e vólvese opresora, por culpa nosa”

O feminismo é a mellor noticia do século vinte e comezos do vinte e un. Adoro as valentes sufraxistas e primeiras feministas: non ocupan o lugar que merecen no noso imaxinario. E o feminismo libera corpos e mentes das mulleres e tamén dos homes. Coido que na miña obra o feminismo está presente ao revés, en oco. O feminismo permitiume atender á construción da masculinidade, recoñecerme como home construído.

Se unha ideoloxía, calquera sexa, libera a nosa mente é benvida; se somos débiles e deixamos que ocupe a nosa vida e nos transforme en instrumentos seus, entón deixa de ser liberadora e vólvese opresora, por culpa nosa. O artista ten un deber primeiro: ser libre. Desde aí, utilizando as ferramentas do coñecemento e a súa sensibilidade, pódenos dar unha obra libre e liberadora. Un como cidadán, cidadá, pode defender isto ou aquilo, como artista máis que defender debe procurar, buscar. Con intuición e sen certidume total.

“Pode que nalgún medio máis institucional haxa resistencias á emerxencia do feminismo mais eu vexo que afortunadamente a literatura das mulleres foi creando nos últimos anos os seus propios instrumentos”

En relación co anterior, no noso contexto si que está normalizado o discurso do creación literaria como unha forma de activismo político que é traballar polo “país” ou pola “lingua”, é dicir, como un xeito de construción nacional. Entón, parece que se normalizan algúns discursos (contra a “autonomía” da literatura) mentres outros se consideran ilexítimos. É dicir: literatura para a construción nacional si, literatura para a construción de relacións de xénero igualitarias non. Autor “nacional” si, autora feminista non. E con isto non quero dicir que teñamos que defender unha literatura ao servizo de organizacións políticas ou movementos sociais, que actúe a xeito de propaganda. Mais, non podemos ter tamén aí algunha contradición por resolver?

Pode que nalgún medio máis institucional haxa resistencias á emerxencia do feminismo mais eu vexo que afortunadamente a literatura das mulleres foi creando nos últimos anos os seus propios instrumentos. É o que cómpre, nunca hai que entregarse, hai que autoorganizarse sempre que un se quere emancipar.

“O escritor realmente é escritora e o lector, lectora. Sobre iso abundo algo no libriño”

Aínda máis na literatura: concretamente as mulleres como tales estades xa a ser o poder determinante porque, aínda que sexan varóns a maioría das figuras institucionais e académicas o certo é que a literatura é primeiramente das mulleres, como lectoras e como autoras. O escritor realmente é escritora e o lector, lectora. Sobre iso abundo algo no libriño.

Agora que, repito, máis aló da atención que poda recibir unha obra ou unha autora na actualidade, o que salva finalmente un libro é o específico literario, artístico. E hai que ter valor para ollar ao lonxe e non descansar no éxito inmediato.

 

 

https://praza.gal/cultura/insisto-en-defender-a-independencia-do-autor-das-dinamicas-politicas-porque-pertenzo-a-unha-xeracion-moi-afectada-pola-politica

 

 

praza.gal

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: