“Non hai nomes propios, a protagonista de ‘Fariña’ é Galicia, a nosa forma de ser”

Tampouco hai nin houbo programas na TVG de crítica política, como Polònia en TV3 ou antes Vaya semanita no País Vasco.

Sempre nos poñían Polònia de referente na CRTVG! Pedíannos que fixéramos algo como Polònia, pero logo aquí empézase co de “mellor non digas isto”, “isto tampouco a ver se lle vai parecer mal ao outro”… E falo do momento actual pero tamén do bipartito. A política ao final sempre era mellor non tocala, porque todos somos moi progres ata que nos tocan o noso. Para facer humor e comedia tes que ter esa liberdade que non tes se che están dicindo que hai que ter coidado con isto ou co outro… 

“Na TVG pedíannos facer algo como ‘Polònia’, pero ao final sempre era mellor non tocar a política; para facer humor tes que ter esa liberdade que non tiñas”

Pero Feijóo si foi ao Land Rober...

E dixéronselle cousas, claro que se lle dixeron. Penso que hai formatos que debería haber na televisión pública, pero igual non é todo culpa da CRTVG ou dos políticos, senón tamén algo das produtoras, de quen leva os contidos. É posible que haxa unha censura previa, se cadra porque nalgún momento xa houbo algún problema por tocar certos temas… Claro que podería haber programas como Polònia ou como Vaya Semanita, pero ían deixar facer pezas cun pijo e un da ETA? Pois se non hai esa liberdade… 

Marchou da TVG, volverá á televisión pública?

Espero porque é a miña casa, pero agora é un momento complicado porque pasaron certas cousas coa TVG que non me gustaron e preferín descansar e parar. Houbo certas decisións desde a dirección da CRTVG que creo, na miña opinión, que non foron xustas. 

Tivo que ver coa súa participación na serie Fariña?

Pois algo se cadra si, porque tiñamos un proxecto na TVG que se para xusto nese momento dun xeito un puco raro e non chegamos a un acordo. Era un proxecto de ficción e tiña ganas de facelo e de facelo en Galicia, pero non se puido. Nese momento, o que fixen foi buscarme a vida en Madrid porque chegou unha oferta de Movistar para facer Justo Antes de Cristo. E acepteina. 

Tamén abandonou o Land Rober.

Ao Land Rober, a raíz deste traballo en Madrid, xa estaba indo menos e a verdade é que tampouco se falaba moito de min no propio programa, onde era un dos protagonistas. Estou moi orgulloso de dicir que Land Rober tamén son eu porque estiven desde que se creou e parte do éxito, e aquí non quero ser modesto, tamén se deberá algo a min. Non me gustou que non se contase o que pasaba, non me gustaron certas cousas… E pensei que, como non quería estar enfadado con todo o mundo, era mellor descansar e parar. 

“Houbo decisións da CRTVG que non me pareceron xustas e que se cadra tiveron que ver coa serie ‘Fariña’; non me gustaron e decidín parar e descansar”

Que lle supuxo a súa participación en Justo antes de Cristo?

Foi como unha volta a empezar, con eses nervios, esas dúbidas de si sería quen de facelo ben… Pero era outro idioma, faltábame esa naturalidade da miña lingua, onde a todo se lle pode dar matices, onde xogas cos ollos pechados… En castelán era distinto, pero foi marabilloso traballar nesa comedia, foi como un premio. Saíume esa oportunidade fóra, ao igual que Pequeñas coincidencias, da que xa gravamos a segunda temporada. Iso foi o que fixo Fariña: abrirme máis camiños na ficción, que non os tiña abertos. Porque a min o que me gusta deste oficio é probar ata onde son quen de chegar… Pero volvendo ao principio, eu sempre quero traballar na TVG. 

E que lle gustaría probar no futuro?

Gustaríame, e supoño que será cuestión de tempo que as cousas volvan ao seu lugar, facer unha ficción, unha serie na TVG. Gustaríame facer o que íamos facer, o que se parou. Non sei se será agora, dentro de tres anos ou dentro de cinco, pero levo un lote de anos traballando na Televisión de Galicia, por onde pasou moita xente que decide, e nunca tiven problemas. 

 

 

https://praza.gal/cultura/non-hai-nomes-propios-a-protagonista-de-farina-e-galicia-a-nosa-forma-de-ser

 

 

praza.gal

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
Cerrar
A %d blogueros les gusta esto: