Onde repousan os Reis de Galiza?

galiza

Reivindicar “un símbolo da Terra” que “conxuga particularidades do patrimonio material e inmaterial” da Galiza é o declarado obxectivo do libro colectivo sobre o Panteón Real que vén de publicar o Concello de Compostela baixo a coordinación da asociación cultural O Galo. Cinco autoras e un poema de Otero Pedrayo conforman o volume.

“Durme a raíña Berenguela / na pas da capela rial. / Máis que de esposa son de noiva / a linda toca i o brial”, escribiu o intelectual galeguista. Berenguela ocupa un dos sete sartegos do Panteón Real da Catedral de Santiago; noutros dous repousan os reis da Galiza Fernando II e Afonso VIII. “Constituído de forma oficiosa por Fernando II mediante un privilexio asinado o 26 de xullo de 1180 en Benavente”, relata Ramón Yzquierdo, do museo catedralicio, “nel, o monarca deixaba establecido, entre outras concesións á Igrexa, que alí desexaba establecer o seu lugar de enterramento e o dos seus sucesores”.

As relacións entre Igrexa e monarquía son chave para a comprensión do panteón. O historiador Anselmo López Carreira escribe nun dos ensaios da obra: “Xelmírez (primeiro arcebispo compostelán, dese 1120) acometera o propósito de converter a cidade nun dos centros principais da cristiandade, e non escatimou medios”. Para iso, “mediante o pio latrocinio”, apropiouse das reliquias de catedral de Braga -e eliminou competencia-, que se sumaron a novas reliquias de categoría rexia.

“Naquel momento as poderosas institucións eclesiásticas reforzaban o seu papel na consolidación de estrutura política”, engade López Carreira. Nesa idea inscríbese a creación do  panteón, entende. Que acolle os sepulcros de Fernando II, Fernando Afonso, Berenguela, Afonso VIII -no século XIII-, Xoana de Castro -no XIV- e Pedro Froilaz de Traba, este trasladado ás dependencias en 1926.

O Panteón Real promovido polo Galo inclúe ademais unha breve Introdución de contexto histórico a cargo das historiadoras María del Pilar Rodríguez Suárez e Mercedes Vázquez Bertomeu e o artigo Imaxes e narrativas para unha autorrepresentación, do director do Museo do Pobo Galego Manuel Vilar.

Loading...

“O locus da memoria histórica non é o pasado, senón o presente e o futuro”, considera Vilar, e lembra como foi O Galo a agrupación que pulou por rescatar do esquecemento e resignificar a antes denominada Capela das Reliquias: “[A asociación esixiu que] fora aberto ao público e deixara de ser usado como cuarto dos trastes, como un rocho no que depositar as cousas que non tiñan un uso cotiá nos rituais e cerimonias que se facían na catedral compostelá […] a campaña tivo éxito porque o Panteón Real foi aberto e forma parte do circuíto de visitas do museo da Catedral”.

“Para acernar a identidade dun pobo non cómpre minusvalorar as distintas expresións da súa cultura, nin minimizar o valor de uso e rendibilidade do seu idioma, nin tampouco precisa deturpar a súa historia”, escriben desde O Galo na Presentación do libro, “e o Panteón Real érguese como un dos nosos máis expresivos e significativos bens patrimoniais”.

Panteón Real é o lugar, dentro da catedral de Santiago, que contén os sepulcros de dous reis e outras destacadas personalidades do Reino de Galiza.

Iniciouse no ano 1107 co soterramento de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e coa promesa do seu fillo o emperador Afonso VIIde levar tamén os seus restos á Catedral. Este compromiso non foi cumprido por Afonso VII mais si pola súa esposa a emperatriz Berenguela, e continuado polo seu fillo Fernando II e polo seu neto Afonso VIII, reis de Galiza e León. No ano 1211, Afonso VIII oficializou definitivamente a capela rexia na cerimonia de consagración da Catedral que presidiu xunto o seu herdeiro Fernando Afonso, sepultado tamén no panteón.

O espazo funerario foi instalado na “capella dos reis”, hoxe capela de Santa Catarina, e permaneceu alí até o ano 1535, momento no que foi trasladado á Capela das Reliquias. Durante este traslado mudouse o acomodo de cinco sarcófagos que foron atribuídos naquel momento a Raimundo de Borgoña (†1107), Berenguela de Barcelona (†1149), Fernando II (†1188), Afonso VIII (†1230) e Xoana de Castro (†1374). A documentación histórica confirma a inhumación na catedral destes cinco persoeiros mais só no caso da raíña Xoana existen ademais testemuños epigráficos e heráldicos da mesma época que confirmen a súa identidade. No ano 1926 incorporouse ao panteón unha última sepultura contendo os restos do conde Pedro Froilaz de Traba (†1128).

Con información de:

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/memoria/onde-repousan-reis-da-galiza/20190620114646081045.html

historiadeGalicia.gal 

Ayúdanos a no cerrar!

Colabora con la información independiente, ayúdanos a seguir escribiendo. Unos medios de comunicación libres e independientes ayudan a la creación de una sociedad más justa y democrática.

Sé el primero en comentar !

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.