Pequena lembranza do poeta Lois Antón

galiza

A morte do poeta Lois Antón, o pasado 28 de xullo, foi unha triste noticia, sobre todo nas terras de Celanova, onde era moi coñecido e admirado. Os que gozamos da súa amizade xamais poderemos esquecer os momentos que compartimos. Porén, a tristeza vaise tornando en recordo, sempre agarimoso, e acabará por converterse en homenaxe. Eu quero facer aquí unha pequena, pero sentida lembranza da súa figura a través dalgúns dos seus poemas. Porque lle saían de dentro e neles deixou impreso o seu ser. Porque o fistor de Escudeiros, que era capaz de recitalos de memoria, botaba man deles tan a miúdo que talmente parecía que falaba en verso.

Lois Antón naceu en Escudeiros, nesa pequena aldea con tan bo fermento (“aqueles homes honrados”) que era só cuestión de tempo que nela agromaran tantos e tan bos escritores e mestres como lembraba, non hai moito, Xesús Alonso Montero. Lois Antón, sen pretendelo, tamén foi un mestre que deixou as súas leccións en verso.

Lois, coma Balbino, foi un neno labrego. E mineiro. Sendo aínda un cativo pasou pola miseria que trouxo aquela treboada de xullo do 36, “mestura de sangue e bágoas”, e foi daquela cando naceu nel o compromiso coa xustiza:

Iso facíame dubidar

e ségueme confundindo.

Que un xa naza sufrindo

e outro naza para rei

é cousa que non entendo,

quizais nunca entenderei!” .

A súa formación foi autodidacta, sen máis escola que a da vida e tendo como única mestra a súa curiosidade infinda (“sabio é… quen quer saber”), o que lle da, se cabe, máis valor á súa obra. Porén, non foi escravo da vaidade, senón que gozaba da sinxeleza. A súa poesía é popular, chea de ensinanzas, e, ao mesmo tempo, combativa porque nace do sufrimento propio e alleo para converterse nunha afiada crítica, non exenta de retranca, daqueles que humillan e aldraxan ao pobo, seguindo o ronsel da mellor poesía de denuncia social:

Como agora os labregos

non sementan coa xugada,

aínda hai xente que cre

que non precisan aguillada.

Precísana máis ca nunca

co aguillón ben aguzado

porque o coiro do cacique

agora é máis reforzado”.

 

A penuria levouno á emigración. Estando lonxe soñaba coa terra, cunha Galiza independente e, por iso, solidaria, porque, como el mesmo dicía, “non por ser independentes deixamos de ser veciños das demais nacións, do resto do mundo”:

Eu soño con esa alborada

e un axiña rexurdir,

con ese ledo vivir

nunha patria liberada

da que nunca a cacicada

nos poida facer fuxir”.

Lois era un amigo dos nenos:

Se algún neno fai barullo,

pois deixádeo xogar,

eles son o noso orgullo,

Loading...

por quen temos de loitar”.

De aí, a importancia que lle daba á educación como elemento transformador da sociedade en igualdade e xustiza, unha preocupación que o levou a escribir dous libros cunha tremenda carga didacticamente aproveitable: Pequeno poemario para xente pequena e A máis fermosa roseira. Algúns dos seus poemas foron musicados e cantados por nenos e nenas que aínda hoxe os recordan sen saber do autor.

Lois Antón era coñecido, respectado e querido por moita xente. Sempre xeneroso, agasallaba ás amizades con poemas e licores que el mesmo facía. Recibiu varias homenaxes en vida. No 2008, polo BNG de Ramirás e Celanova en recoñecemento á súa traxectoria; en 2017, coa inauguración en Casardeita dunha Biblioteca Popular que leva o seu nome por bandeira; e, tamén ese ano, co premio Rebulir. Un dos seus últimos poemas (aínda inédito, ogallá que non por moito tempo), no que denunciaba o abandono do rural, comezaba e remataba así:

Soñando falei coa terra

de amenceres e solpores

como era na primavera

lembramos aos labradores.

(…).

Os eidos non os esquecen

e sempre están a agardar

unha nova primavera

que saiba falar coa terra

e nos agrande o soñar”.

Querido Lois, o último sábado de xullo de 2018 devolvémoste á terra que te viu nacer e deixámoste, falando con ela, ata que nos volvamos ver. A túa obra é inmortal.

Loading…


Pablo Sánchez Martínez

¿Quieres enviarnos tus articulos o notas de prensa en castellano?

Gostarías de enviarnos os teus artigos ou notas de prensa en galego?

MÁNDANOS UN CORREO A: diario6@diario6.com

Necesitamos tu ayuda

La falta de libertad de prensa es un grave problema de nuestra sociedad. Ayuda a la prensa independiente, aquella sin ataduras a las multinacionales y a las subvenciones del partido gobernante. Haz posible la independencia del periodismo. Por una información veraz, una democracia más justa.

Seguir en Facebook !

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.