Que pasaría en Galicia se hai unha nova repetición das eleccións xerais?

Semella que o estado camiña cara a unhas novas eleccións xerais. Serían as cuartas en Galicia nun só ano, tendo en conta que nun mesmo día se votou para as municipais e as europeas, o pasado 26 de maio, e outra para as xerais, que foron o pasado 28 de abril. Unha repetición electoral que non todos os partidos galegos verían con bos ollos.

E é que tanto na esquerda, como na dereita en Galicia cren que o mellor sería ter un goberno canto antes, aínda que por moi diferentes razóns. Todos os partidos son conscientes de que, se hai que volver ás urnas en novembro, o resultado e as posteriores negociacións desa cita electoral, marcarán, e moito, a axenda electoral de Galicia no 2020, que é cando toca comicios galegos.

No PP hai a sensación de que unhas novas eleccións poden ser moito mellores que as de hai cinco meses, cando quedaron por debaixo dos socialistas en número de votos. Desta volta están convencidos que vai cambiar a situación e serán, novamente, o partido máis votado. Pero o temor dos populares non son tanto os resultados en Galicia, que sempre poderán vender coma unha victoria de cara ao 2020, senón que a figura de Pedro Sánchez poida saír reforzada, e con el, o conxunto do PSOE.

Por outra banda, tamén é moi probable que saia reforzado o PP de Pablo Casado nun momento de tensión entre as cúpulas populares de Galicia e Madrid. Un reforzamento da súa figura que afectaría, e moito, ás opcións de Feijóo, de converterse nunha alternativa ao seu liderato en Madrid. 

Outro aspecto a ter moi en conta de ter que ir ás urnas en novembro é o papel de Ciudadanos en Galicia tras a grave crise pola que está pasando este partido tras a negativa do seu líder, Albert Rivera, a pactar co PSOE. No PP cren que os laranxas terán moi difícil revalidar os resultados e poderían perder algún escano. Escanos que os populares agardan volver recuperar. 

ESQUERDA

Na esquerda están convencidos de que haberá desmobilización. Unha desmobilización que afectará, sobre todo, aos votantes socialistas e aos de Unidas Podemos e que favorecerá á dereita e a partidos nacionalistas, especialmente, o BNG.

Loading...

No PSdeG o principal temor que existe é que os comicios deixen reforzado o poder do PP en Galicia ante a proximidade das autonómicas. Fontes consultadas cren que os resultados xogarían á contra a menos dun ano da cita coas galegas e poderían precipitar un adianto electoral por parte de Feijóo.  De non repetirse o escenario de hai cinco meses en Galicia –que é o probable–, o único que salvaría aos socialistas galegos é continuar aumentando a fenda do liderato na esquerda en Galicia e, sobre todo, que Pedro Sánchez saque máis deputados no conxunto de Madrid.

Pola súa banda, o espazo de confluencia de Podemos e Esquerda Unida, que se presentaron baixo a fórmula Galicia en Común- Unidas Podemos, podería resultar o máis afectado por unha repetición electoral. A desmobilización do seu electorado, o voto de castigo polas negociacións co PSOE, a visibilización da ruptura do espazo de En Marea e o distanciamento de actores que forman parte deste espazo, como Anova –que xa non participiou nesa coalición electoral–, poderían xogar na súa contra. Por iso, non se descarta unha fuga de apoios que pode beneficiar ao nacionalismo ou a outras opcións políticas.

De feito, no Bloque non descartan que, de repetirse os comicios, os votos cadren para voltar a Madrid tras varias lexislaturas ausentes do Congreso. Dirixentes teñen analizado ese posible escenario e cren que poderían rabuñar un representación na Coruña, e mesmo aspirarían a ter outro tamén na provincia de Pontevedra. Iso, sempre e cando, a desmobilización non afecte tamén ao seu nicho electoral, haxa pouca participación e manteñan o mesmo ou máis número de votos e que non haxa competición electoral no seu espazo. Un pequeno atranco que suporía a presentación de En Marea, de Luís Villares, como xa fixo nos anteriores comicios.

OS OLLOS NAS GALEGAS

As principais forzas políticas galegas analizarían esta repetición electoral como un ensaio de cara ás eleccións galegas. E nesta análise habería varios factores a ter en conta; se gañan as dereitas ou gañan as esquerdas.

E as extrapolacións serían obvias. No caso de que sexan as dereitas, se o PP precisará dos votos de C’s para conservar a Xunta e no caso das esquerdas, como quedaría a correlación de forzas, cun nacionalismo que podería competir con Unidas Podemos a segunda posición no Parlamento galego.

https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/103449-pasaria-galicia-se-hai-nova-repeticion-eleccions-xerais

galiciaconfidencial.com

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: