#Sermos375: Nós Diario, de maneira continuada, a partir do 2 de xaneiro

A constitución española cumpre 41 anos o 6 de decembro e, como en cada aniversario, regresan á mesa do debate político iniciativas de modificación dun texto que permaneceu case inalterábel desde que naceu. Abrimos un novo número do semanario Sermos Galiza en papel cunha reportaxe que pon o foco nesta cuestión. Xa á venda na loxa e a partir da quinta feira nos quiosques.

En Opinión contamos coas plumas de Marilar Aleixandre e Guillerme Vázquez así como unha nova entrega de “A ollo nu”, a sección que semanalmente asina Xoán Costa, e o humor gráfico das mans de Tokio e Carlos Latuff.

Tamén falamos, en Sociedade, da saída á rúa de Nós Diario. Camiñamos cara ao seu número un, que verá a luz o 2 de xaneiro, após presentarse co seu número cero no Culturgal, onde foi felizmente arroupado polo público. Trátase dun exemplar que, aínda que non está á venda, podes conseguir. Explicámosche como. Centra tamén o noso interese a conservación ambiental e aqueles proxectos de custodia do territorio que se espallan por Galiza.

A entrada de capital foráneo agrava a situación das empresas galegas. En Economía tratamos as novas potencialidades dos fungos e cogomelos galegos.

Xa na análise política  conversamos con Isidro Dubert, catedrático en Historia Moderna sobre a vaga migratoria que asolaga Galiza. Tamén poñemos o ollo no Pazo de Quián, que se pode definir como escaparate dun rural sen futuro.

Chegamos a Internacional cunha entrevista a Meritxell Serret (Vallfogona de Balaguer, 1975), delegada da Generalitat de Catalunya ante a Unión Europea.

Fóra de Serie abre cunha reportaxe que debulla a gala do certame aRi(t)mar Galiza e Portugal. Entrevistamos María Pilar García Negro, unha das maiores coñecedoras de Carvalho Calero, co gallo da publicación de Carvalho Calero: a ciencia ao servizo da nación (Laiovento, 2019). Continúa coas críticas semanais de cinema e literatura, da man de Mario Regueira e Andrés Castro. Ademais, non faltan as colaboracións de Iolanda Gomis, co seu Máis alá de 0 e 1; do teatro de Manuel Xestoso; o Po de estrelas, de Iria Veiga; e o Galiza no mapa, de Cilia Torna.

Pechamos o número pola Devesa da Escrita, coas recomendacións do colectivo Xea, e o selfie co rostro de Montse Pernas, pintora que inaugura a exposición en San Sadurniño “Ao redor da muller”.

No Afondo, tratamos a figura de Pardo de Cela.

O número 375 de Sermos Galiza xa está dispoñíbel na loxa e nos quiosques.

https://www.sermosgaliza.gal/articulo/social/sermos375-proxima-cita-2-xaneiro/20191204160641087854.html

sermosgaliza.gal

Etiquetas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
Cerrar
A %d blogueros les gusta esto: