Un busto do franquista Manuel Fraga na alameda de Vilalba por 7.200 euros

galiza

“A rúa é miña” é unha frase que se atribúe a Manuel Fraga da época en que foi ministro de Gobernación, en 1976. Catro décadas despois o que volve ser súa é a alameda de Vilalba, na que loce novamente un busto seu de broncedespois de que o anterior, instalado alí, fronte á súa casa natal, en 1970, desaparecese o pasado novembro e, ao contrario que en ocasións anteriores, en que era habitual atopalo no río, nunca máis se soubese del. Medio ano despois, o goberno local do PP vén de colocar un novo cun custo de 7.200 euros, decisión que a oposición critica por tomarse de xeito unilateral sen consultar co resto de grupos. O novo busto, salientan na vila, vén de ser aparafusado aínda más fortemente co anterior para evitar novos roubos.

O busto de don Manuel na súa vila desapareceu en novembro pero ao contrario que en ocasións anteriores non apareceu no río e o Concello vén de instalar un novo, mellor ancorado, por 7.200 euros

Porque a desaparición do busto de Fraga en novembro non foi a primeira, e por iso mesmo non sorprendeu os veciños, que tampouco descartan que se volva producir. “Estará no río”, é a frase que se repite en Vilalba cada vez que a efixie desaparece da alameda, porque alí foi onde apareceu aos poucos días en varias ocasións anteriores. Pero desta volta o propio alcalde, o popular Agustín Baamonde, tiña dúbidas. “Esta vez non parece unha trasnada, non o tombaron ou arrincaron, quitaron limpamente os parafusos, fixeron un traballo cirúrxico, profesional”, contaba a este diario o rexedor, que aventuraba un prognóstico: “Esta vez, é unha opinión persoal, non aparece”.

Con ese temor, o propio alcalde avanzaba xa daquela que, se non aparecía nun tempo prudencial, o seu goberno prevía encargar un novo busto de bronce a partir do molde orixinal que aínda se conserva, “e os que fagan falta, porque foi unha figura política recoñecida que sempre fixo gala de ser de Vilalba”.

A oposición critica que o alcalde tomase de forma unilateral a decisión de repoñer o busto na alameda sen estudar previamente outras opcións como se comprometera nun pasado Pleno

E así foi. Esta semana un novo busto de bronce apareceu na alameda e, con el, as críticas da oposición, que lamenta que o alcalde tomase unilateralmente a decisión sen consultar co resto de grupos municipais dun gasto que cuantifican en 7.200 euros. A portavoz municipal do grupo maioritario da oposición, o PSdeG, Elba Veleiro, lembra que a finais do pasado ano, tras a desaparición do anterior busto, o propio alcalde secundou verbalmente nun Pleno a postura socialista de analizar se a alameda segue a ser o mellor lugar para a efixie. Tras unha moción doutro grupo, Vilalba Aberta, máis crítica con Fraga, a socialista argumentou a complexidade da súa figura, ministro de Franco pero posteriormente presidente da Xunta durante catro lexislaturas con maioría absoluta, para concluír que os vilalbeses de hoxe deberan poder opinar sobre un monumento colocado en 1970. “Pediamos primeiro estudar se era preciso facer outro busto e despois que emprazamento darlle”, di Veleiro, que salienta que o alcalde fixo súa a postura socialista pero que agora vén de repoñer o busto sen consultalo con ninguén.

Loading...

O busto de Fraga na alameda de Vilalba data de 1970, cando xa deixara de ser ministro de Información e Turismo de Franco (1962-69), cargo no que impulsou a construción na súa vila natal dun Parador de Turismo. E alí seguiu o busto mentres Fraga, presidente da Xunta entre 1990 e 2005, deixaba en Vilalba tamén un auditorio que leva o nome da súa esposa, Carmen Estévez, e conseguía que a Autovía do Cantábrico (A-8) pasase por alí malia estar a 60 quilómetros da costa.

As pintadas con alusións políticas son outra cousa, pero que o busto aparecese no río era visto como unha trasnada estival que permanece no imaxinario colectivo do pobo

Foi a partir do retorno de Fraga a Galicia nos anos noventa cando aumentaron os ataques contra a súa efixie. As pintadas con alusións políticas eran outra cousa, pero que o busto aparecese no río Madalena, a un quilómetro escaso da alameda, era visto como unha recorrente trasnada estival que permanece no imaxinario colectivo da vila. Agora o novo busto, sexa para evitar trasnadas ou roubos “profesionais”, vén de ser aparafusado aínda mellor que o anterior para que a alameda de Vilalba siga sendo de Fraga.

Loading…

praza.gal

Necesitamos tu ayuda

La falta de libertad de prensa es un grave problema de nuestra sociedad. Ayuda a la prensa independiente, aquella sin ataduras a las multinacionales y a las subvenciones del partido gobernante. Haz posible la independencia del periodismo. Por una información veraz, una democracia más justa.

Seguir en Facebook !

Be the first to comment

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.