Volven as ‘badaladas’ para reclamar á Xunta máis recursos para previr os 300 suicidios anuais en Galicia

Este 10 de setembro celébrase, coma todos os anos, o Día Mundial da Prevención do suicidio, unha xornada na que entidades médicas e outras organizacións sociais buscan poñer o foco sobre esta problemática, adoito invisible ou silenciosa, pero que continúa a ser unha das principais causas de morte externa entre a poboación galega. 

As badaladas son tamén unha forma de visibilización pública “para confrontar o estigma do suicidio que frea en moitas ocasións a petición de axuda”

No ano 2018 foron 288 as persoas que morreron no noso país por esta causa. A cifra descendeu en relación a anos anteriores (chegara a ser de 371 no 2014), pero segue a duplicar, por exemplo, o número de falecidos e falecidas en accidente de tráfico. Entre os anos 2008 e 2014 o suicidio foi a principal causa externa de morte en Galicia. Dende entón, só foi superada polas caídas accidentais, cun peso cada vez maior debido ao envellecemento da poboación.

A taxa de suicidios sitúase en Galicia entre os 10 e 12 falecementos anuais por cada 100.000 habitantes, un dato só superado lixeiramente por Asturias e que se sitúa moi por riba da media española (7 casos/100.000, segundo o INE). O suicidio é moito máis habitual nos homes (unha taxa de 16 casos por cada 100.000 individuos) ca nas mulleres e a súa incidencia é directamente proporcional á idade. Con todo, a franxa de idade na que se producen máis casos nos varóns é entre os 40 e os 49 anos

No 2018 foron 288 as persoas que morreron no noso país por esta causa e chegaron a ser 371 no 2014

Loading...

Este martes o Movemento Galego da Saúde Mental (MGSM) convoca unha nova ‘Badalada’ en Santiago de Compostela, recuperando a campaña que levara a cabo con anterioridade para lembrar ás persoas falecidas e ás súas familias, para reivindicar a posta en marcha de medidas concretas que axuden na prevención do suicidio e tamén como unha forma de visibilización pública “para confrontar o estigma do suicidio que frea en moitas ocasións a petición de axuda”.  O encontro terá lugar ás 8 da tarde, na Praza da Quintana.

O MGSM reclama tamén máis estudos e investigación sobre os factores individuais e sobre todo sociais que levan as persoas a quitar a vida. E, igualmente, esixe a posta en marcha de medidas integrais, no ámbito sociocomunitario, que acompañen as medidas clínicas.

O Movemento Galego da Saúde Mental recupera esta protesta para esixir do Goberno galego un maior compromiso orzamentario e de dotación de persoal.

A campaña “Badaladas pola prevención do suicidio” desenvolveuse ao longo do ano 2016 reclamando o compromiso do goberno galego para a elaboración do Plan Galego de Prevención do Suicidio (publicado finalmente en 2017). “A pasividade, cando non explícita oposición, do goberno galego para levalo a cabo, nuns anos nos que o número de mortes por suicidio alcanzaban unhas cifras intolerables, volvíase algo inaudito”, lembran dende o MGSM.

 

 

https://praza.gal/acontece/volven-as-badaladas-para-reclamar-a-xunta-mais-recursos-para-previr-os-300-suicidios-anuais-en-galicia

 

 

praza.gal

Publicaciones relacionadas

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.

Botón volver arriba
A %d blogueros les gusta esto: